Estampado botánico
Prendas deseñadas pola natureza
O ecoprint é unha técnica artesana que, realmente, ten un nome moito máis bonito en galego: estampado botánico.
Un proceso que reflicte a nosa paixón pola natureza e a artesanía, e que nos permite plasmar a beleza efémera das follas, flores e sementes.
Como o facemos?
Comezamos seleccionando a man follas e flores frescas que se converterán no corazón dos nosos deseños. Ademais, para resaltar as súas cores e formas únicas e conseguir fixalas para sempre, seleccionamos tecidos 100% naturais como seda, algodón, liño e viscosa, e tratámolos con produtos (mordentes) de orixe natural como o vinagre e o alume.
A continuación, colocamos con xeito sobre o tecido as follas e flores, creando un deseño que evoca a natureza en estado puro. Logo, o tecido enróllase e sométese a un baño de vapor que permite que os pigmentos naturais se adiran, deixando a súa forma única.
O momento emocionante chega cando desenrolamos o tecido. Unha sorpresa que nos ten preparada a natureza.
Despois deste proceso inicial, seguimos cunha serie de etapas minuciosas que dan forma a cada prenda Hiar. Este proceso coida cada detalle para garantir que a túa prenda teña a súa cor final e o seu deseño único permaneza uso tras uso.
O proceso completo dura ao redor dunha semana, e o resultado é unha prenda que conta unha historia chea de autenticidade. Cada vez que vistes unha prenda Hiar, envólveste nunha peza única que che conecta coa natureza.